Recursos TIC para explorar o Universo

A Astronomía é unha ciencia que se traballa co alumnado de todas as etapas educativas (Infantil, Primaria e Secundaria), adaptada a cada nivel e que, en xeral, resulta moi atractiva para eles. Na actualidade existen multitude de aplicacións, webs, artigos, etc, que nos permiten explicar, investigar, explorar e aprender sobre este tema dun xeito moito máis atractivo. Ademais, estes recursos fan que as aprendizaxes sexan máis significativas para o alumnado.
Realmente a cantidade de recursos é inxente e amplíanse/modifícanse continuamente. Neste artigo pretendemos ofrecer unha escolma daqueles que nos pareceron os mellores en cada categoría: exploración do Sistema Solar, constelacións, observación astronómica e satélites artificiais.
Os recursos que aquí propoñemos poden utilizarse calquera deles, adaptando os contidos, para tódalas idades.
Partimos da idea de que deben ser  ferramentas abertas para que calquera alumno/a poida empregalos e valoramos tamén que sexan multiplataforma.
Feitas as consideracións previas imos alá coas nosas propostas:

  1. Exploración do Sistema Solar:

    O sistema solar trabállase desde Infantil ata Secundaria e sempre resultou complicado que o alumnado comprendese aspectos como son os movementos de traslación, rotación, Leis de Kepler, ... Con estas aplicacións todo será máis doado.

    Solar System Scope: 

    Dispoñible para Windows, Android, IOS ou vía web permítenos observar en 3D o Sistema Solar podendo ver a súa evolución no tempo, explorar cada planeta, ver as súas características, achegarnos ou alexarnos ata o exterior da nosa galaxia. Pódese empregar cos máis cativos para que identifiquen os planetas ou cos máis maiores para explicar, por exemplo, a 3ª Lei de Kepler.

    https://www.solarsystemscope.com/

    Google Earth: 

    É unha ferramenta ben coñecida para explorar o noso planeta e moi utilizada polo profesorado de Xeografía. Utiliza fotografías dos satélites para formar unha imaxe con bastante detalle da superficie terrestre. O que menos xente coñece é que tamén nos permite explorar a Lúa, Marte ou as estrelas grazas as imaxes tomadas polos satélites e telescopios. No caso da Lúa, incluso podemos ver fotografías tomadas sobre a súa superficie no mesmo lugar no que foron feitas. No caso de Marte existen zonas con mellor resolución que outras pero para o alumnado resulta bastante chamativo de igual maneira.
    Para poder acceder a estas funcións simplemente temos que premer no icono de Saturno que aparece na parte superior da aplicación, como podedes ver na captura seguinte:
    https://www.google.com/intl/es/earth/
    Google Earth está dispoñible para Windows, Mac, Linux, Android, IOS e agora tamén en versión web.
  2. Observación astronómica:

    Kstars: 

    Queres saber que estrelas, planetas ou constelacións estarán visibles nas vindeiras noites? Si é así este programa vaiche permitir facelo de forma sinxela.
    KStars é un software de astronomía libre, de código aberto, gratuito, sen publicidade e compatíble con múltiples plataformas.
    Foi creado por KDE e fornece un simulador gráfico do ceo nocturno desde calquera lugar do planeta en calquera momento. A visualización inclúe ata 100 millóns de estrelas, 13.000 obxectos do espazo profundo, os planetas, o sol e a lúa, e milleiros de cometas, asteroides, supernovas e satélites.
    Para estudantes e profesores, permite axustar a velocidade da simulación para ver os fenómenos que se producen ao longo do tempo.
    Está dispoñible na súa páxina oficial para Linux, Windows e Android. Aínda que nesta última plataforma non ten moi boas críticas, como aplicación de escritorio resulta imprescindible.

    Star Chart (Mapa Estelar):

    O que máis me gusta desta aplicación é a forma na que permite descubrir as constelación no ceo nocturno. Abonda con apuntar o noso móbil cara o ceo para que aparezan ante nós os nomes das estrelas que estamos vendo, as figuras das constelacións ou planetas. Como din os seus creadores un planetario virtual no teu peto.
    Dispoñible para Android e IOS de forma gratuita con algunhas funcións "premium" de pago.


     Imaxe tomada de https://play.google.com

    Sky Map: 

    Moi semellante á anterior, pode que menos lucida, pero cun funcionamento impecable  e co soporte do todopoderoso Google. Vainos permitir identificar calquera obxecto do firmamento simplemente apuntando con noso móbil cara el.
    Completamente gratis na tenda Google Play:

    https://play.google.com/store/apps/details?id=com.google.android.stardroid
    Imaxe tomada de https://play.google.com

    StarTracker VR: 

     Con esta app imos poder explorar o ceo nocturno en 3D desde a nosa propia casa como se fósemos astronautas no espazo exterior. Necesitaremos un móbil unhas gafas Cardboard coas nos sentiremos navegando polo Universo. Resulta bastante sorprendente cando centras a mirada nun obxecto e a propia aplicación dache en pantalla información sobre o que estás vendo.
    Moi recomendable para traballar con nenos e nenas de Primaria ou Secundaria as constelacións na propia aula.
    Esta versión VR está dispoñible unicamente para Android:

    https://play.google.com/store/apps/details?id=com.PYOPYO.StarTrackerVR&hl=en_US
     Imaxe tomada de https://play.google.com

    As gafas Cardboard poden mercarse aquí.
  3. Satélites artificiais: 

    Nasa en español:

    Versión en castelán da oficial www.nasa.gov  que ofrece información sobre misións, novas, vídeos, enlaces, imaxes e moito máis sobre a exploración do Universo. Actualízase de forma constante polo que permite estar ao tanto dos últimos acontecementos astronómicos.
    Conta tamén cun apartado específico para a ISS (Estación Espacial Internacional).
    Todo isto pódese atopar na web: https://www.lanasa.net/ 

    Para sabelo todo sobre a ISS:

    O meu lugar preferido para coñecelo todo sobre a ISS (Estación Espacial Internacional) é a web www.estacionespacial.com xa que ofrece: seguimento en tempo real, conexión coas cámaras da estación, información histórica e tamén os pasos visibles desde a nosa localización.

    Imaxe tomada durante 6 segundos na que pode verse o paso da ISS sobre o ceo de Cangas do Morrazo o día 9/09/2009. Autor: Manuel Pais Costas







     

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Presentación do "Barómetro de Cangas 2018"

Kahoot! Aprendizaxe divertida